Tuesday 07 de May de 2024

Máis de 9.500 electores están chamados a votar mañá para a renovación de seis consellos reguladores do ámbito agroalimentario


Destacan as indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia, con máis de 7.600 electores convocados, e a denominación de orixe Ribeiro, con case un milleiro

Nos outros nove consellos reguladores chamados á renovación, deuse por finalizado o proceso de elección de vogais por presentarse candidaturas únicas, pola existencia de pactos ou pola renuncia de candidaturas

A campaña electoral finalizou onte, o día 21 a xunta electoral proclamará os vogais electos e logo producirase a constitución dos plenos

 

Mañá celébranse as eleccións para a renovación dos órganos de goberno de seis consellos reguladores do ámbito agroalimentario galego, convocadas mediante a orde da Consellería do Medio Rural publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 10 de novembro. Así, máis de 9.500 persoas censadas -tanto físicas como xurídicas- están chamadas a votar este domingo. Non son a totalidade dos inscritos nestes consellos reguladores porque hai moitos censos nos que houbo candidaturas únicas e pactos de repartición.

 

Deste xeito, someteranse mañá ás urnas para a súa renovación os órganos de goberno dos consellos reguladores das denominacións de orixe (DO) vitivinícolas Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras. Tamén o da indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia e o das de Carne de Vacún, sendo as cárnicas as que convocan máis electores, ao superar os 7.600. Ségueas a DO Ribeiro, con preto dun milleiro de persoas electoras.

 

Cabe lembrar que naqueles censos nos que se presentaron candidaturas únicas ou nos que, habendo máis dunha candidatura, a totalidade das proclamadas chegaron a acordos electorais de repartición de vogalías ou -logo dalgunha renuncia- quedou unha única candidatura en liza, o proceso de eleccións dáse por rematado. Isto é o que sucedeu no caso dos consellos reguladores da denominación de orixe Ribeira Sacra, das indicacións xeográficas Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, das denominacións de orixe protexidas Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla e San Simón da Costa, das IXP Pataca de Galicia, Pan de Cea e Castaña de Galicia e no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

 

Así as cousas, mañá son as eleccións para seis consellos reguladores do ámbito agroalimentario. Mentres, o día 21, a xunta electoral proclamará os vogais electos e nos días posteriores realizarase a constitución dos 15 plenos e a elección das persoas que ocuparán as súas presidencias e vicepresidencias.

 

Enlace á web de Medio Rural con información sobre o proceso electoral: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/alimentacion/eleccions-consellos-reguladores-2023